Skip to main content

A conciliación, o ocio responsable e a creación de emprego, piares da Campaña de Verán de Xuventude

Este incremento do número de prazas non suporá un aumento do aforo, que se manterá igual de reducido que o ano pasado para respectar as medidas de prevención fronte á covid-19. Ademais, manterase o protocolo específico establecido na anterior edición e que supoñía: unha redución do aforo nas instalacións xuvenís, máis persoal monitor e o reforzo das medidas hixiénico-sanitarias.

35 instalacións para campamentos

Cristina Pichel tamén se referiu ás novidades da campaña deste ano. Aumentaranse as instalacións que acollerán campamentos para mozas e mozos de entre 9 e 17 anos. Sumarán un total de 35 logo de incorporar os albergues municipais de Cabana de Bergantiños, Bande, Parada de Sil e o recinto da Fervenza Aventura en Silleda. Nesta oferta xa se cubriron a totalidade das prazas ofertadas, o 98%.

Os campos de voluntariado para a mocidade de entre 18 e 30 anos tamén presentan novidades. Hai 13 novos campos, o que permite elevar a oferta ata os 40. Algunhas das actividades novas son o campo de voluntariado ‘Camiños e Patrimonio Cultural’, en Curtis; ‘Abadía de San Clodio’, en Ribas de Sil; ‘Do audiovisual galego’, en Celanova; ou ‘O camiño portugués pola costa’, en Oia.

Os campos de voluntariado aínda teñen prazas vacantes dispoñibles. Por ese motivo, a directora xeral animou á mocidade a participar dalgunha destas iniciativas, que "contribuirán a desfrutar dun verán diferente, pero seguro que inesquecible".

Mantéñense novidades do pasado ano

Por outro lado, Pichel tamén resaltou a aposta da Xunta por aumentar os espazos que acollen actividades. Neste ano manteranse as residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, que xa se incorporaran á oferta no pasado ano, así como o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, onde se vai realizar un campamento de cociña.

Outra das incorporacións á campaña de verán o ano pasado, os minicampamentos ‘Coñece Galicia’, tamén se manterán nesta edición. Trátase dunha actividade dirixida a mozas e mozos de entre 10 e 14 anos que teñen lugar en establecementos hostaleiros de toda Galicia de luns a venres. A directora xeral sinalou que se reforzarán as prazas e a programación logo do éxito do ano pasado.

Por último, a directora xeral fixo mención ás instalacións xuvenís que o Goberno galego cede a entidades ou grupos de mozos para realizar actividades de ocio educativo. Este ano as prazas dispoñibles víronse reforzadas ata as preto de 600, "posto que somos conscientes das necesidades das entidades para ter recursos e instalacións plenamente adaptadas", apuntou.
R.