Skip to main content

O Centro Dramático Galego asume a produción de dous novos espectáculos dirixidos por Cándido Pazó e Marta Pazos

Na nova temporada continuará reforzándose o achegamento do teatro á cidadanía, cunha estratexia de distribución que permita implicar ao maior número de persoas posible no territorio galego. A previsión é realizar preto de 80 funcións das novas producións no Salón Teatro e en xira. Avánzase ademais na aposta pola paridade no marco do acordo Temporadas de igualdade MH nas artes escénicas asinado co colectivo Clásicas e Modernas.

Comportamento en situacións de crise

A adaptación de A peste é unha versión teatral da obra de Albert Camus coa que reflexionar sobre o comportamento da sociedade e dos individuos en situacións de crise. Este espectáculo de Cándido Pazó prevé a súa estrea para xaneiro de 2022 e estará en cartel ao longo de oito semanas.

Para a súa representación, a unidade de produción teatral da Xunta contratará 15 intérpretes, tres coa categoría de protagonistas e 12 como principais. Seleccionaranse actores e actrices de diversas e idades e características físicas, xa especificadas na convocatoria que se publica mañá. En todo caso, unha vez recibidas as propostas e analizadas polo equipo de dirección, poderá haber axustes nos perfís para equilibrar o elenco dentro da proposta artística.

O público como centro do espectáculo

Pola súa banda, Ás 8 da tarde cando morren as nais sitúa o público como centro do espectáculo cunha temática autocrítica e metateatral de gran forza expresiva, chea de humor e de crítica sociolóxica. Coa estrea prevista en abril, estará en cartel seis semanas, ás que se engadirá unha xira a finais de ano.

O espectáculo requirirá da contratación de sete actores e actrices, un como protagonista e os restantes como principais. Os sete roles do proxecto responden á lóxica de creación coral, polo que serán definidos a partir da compensación de perfís entre todos os recibidos. Na selección do elenco primarase a versatilidade e valoraranse a traxectoria e características dos espectáculos representados. Elixiranse tamén algúns perfís con coñecemento e experiencia na creación en disciplinas como a música, a danza, o audiovisual ou as artes plásticas.

A duración dos contratos para as dúas producións será de 3,5 meses, distribuídos entre a segunda metade deste ano, desde a data de comezo dos ensaios, e a fin da exhibición do espectáculo, no primeiro semestre de 2022 no caso de A peste, e no segundo semestre do ano, no de Ás 8 da tarde cando morren as nais.

O proceso de selección constará dunha primeira fase de valoración dos perfís profesionais e, para quen supere esta, doutra de interpretación. As persoas interesadas en optar a estes contratos e cumpran os requisitos establecidos poderán solicitalo presentando o formulario da web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao anuncio da convocatoria.
R.