Skip to main content

O Premio Elías Valiña recoñece ás Asociacións de Amigos do Camiño de Ávila e de Hungría e outorga unha mención especial ao médico José Carro Otero

Composto por membros da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e por investigadores en materia xacobea, entre outros, o xurado valorou as candidaturas presentadas en función de catro criterios centrados nas intervencións encamiñadas á protección do patrimonio, os traballos de investigación, documentación e fomento do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo para difundilo entre a cidadanía, a posta en marcha de accións de sensibilización e fomento do asociacionismo ou as accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social.

Dotado con 10.000 euros

Como resultado, a Asociación Amigos del Camino de Santiago en Ávila e a Asociación de los Amigos del Camino de Santiago de Hungría obtiveron empate nas puntuacións acadadas, polo que compartirán o premio, dotado cunha contía de 10.000 euros. No caso da asociación abulense, o xurado valorou o traballo de sinalización e conservación do Camiño de Santiago, pero tamén o seu labor de divulgación e acollida e hospitalidade na esmerada atención aos peregrinos.

Pola súa banda, no caso da Asociación de Amigos do Camiño de Hungría valorouse o seu esforzo por recuperar e manter a esencia dun Camiño que vertebra Centroeuropa identificando as rutas históricas do chamado Camiño Húngaro, así como polas súas iniciativas a prol do mesmo e a súa labor de divulgación a través da xestión de oficinas en Budapest e Szeged.

O xurado dos Premios Elías Valiña acordou propoñer a título póstumo a mención especial a José Carro Otero, médico, antropólogo, docente e académico galego, pero tamén un destacado investigador da Historia e da arte, que finou en abril deste ano. Quérese recoñecer así súa contribución co seu traballo entusiasta de toda unha vida a favor da investigación e a divulgación do fenómeno xacobeo mediante unha perspectiva científica e humanista integral.
R.