Skip to main content

Presentado o I Plan Galego contra a Trata, que sitúa Galicia como referente ao fortalecer os recursos para as vítimas e incidir na erradicación

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe na Cidade da Cultura o I Plan Galego contra a Trata como “documento estratéxico”, elaborado mediante un proceso participativo no que tomaron parte unha ducia de entidades que traballan en Galicia coas vítimas desta lacra, que artella medidas e políticas para dar unha resposta integral e coordinada a estas mulleres.

As doce organizacións convocadas -Accem, Cáritas Diocesana de Ourense, Santiago e Lugo, Cruz Roja, Ecos do Sur, Amaranta, Asociación Faraxa, Hermanas Oblatas do Santísimo Redentor de Ferrol, Aliad Ultreia, Médicos do Mundo e Fiet Gratia- forman parte da Rede Galega contra a Trata que colaborou na confección do contido do plan.

Tal e como reivindicou Lorenzana, o documento recolle políticas para dar “resposta integral e coordinada ás vítimas de trata, principalmente mulleres e nenas, e contribuír así á erradicación desta lacra”.

“A trata de persoas é unha grave violación de dereitos humanos que afecta de maneira desproporcionada a mulleres e nenas, especialmente no caso da trata con fins de explotación sexual; constitúe en si mesma unha forma de violencia de xénero e de discriminación contra a muller”, recordou a conselleira. Segundo a Organización das Nacións Unidas esta práctica é a actividade criminal que está a experimentar un maior incremento no mundo. Ademais é un negocio lucrativo que reporta inxentes beneficios aos grupos de delincuentes.

Lorenzana reivindicou a necesidade urxente de que España conte cunha lei orgánica para a loita integral e multidisciplinar contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, unha medida recollida no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, referendado por todas as comunidades autónomas que aínda non veu a luz. O texto debe establecer, engadiu a representante da Xunta, “medidas adecuadas para a súa prevención, promover a eliminación de publicidade de contido sexual e poñer en marcha servizos e programas de protección social e recuperación integral das vítimas”.

Galicia, referente

Galicia, pola contra, é referente na elaboración dun instrumento específico de actuación no ámbito de trata con fins de explotación sexual coa aprobación, xa no ano 2010, do Protocolo de actuación institucional sobre a adaptación de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, en colaboración coa Fiscalía Superior, recordou Lorenzana.

O I Plan Galego contra a Trata vén reforzar aquel compromiso, grazas á colaboración entre a Xunta e a rede de entidades colaboradoras así como con outros departamentos do Goberno galego, que puxo en valor a conselleira. O documento terá vixencia durante tres anos (2022-2024), e suporá un investimento de 7 millóns de euros para reforzar a loita contra esta forma de explotación.

A través de seis principios reitores e cinco áreas estratéxicas define cerca de 60 medidas que conformarán a actuación integral. O 61% das actuacións baséanse nas propostas achegadas polas entidades.

“O Plan ten como finalidade articular políticas transversais para contribuír á súa erradicación e fortalecer os recursos de atención integral ás vítimas”, indicou Lorenzana, quen anunciou que os recursos se xestionarán en colaboración coa Rede Galega contra a Trata, “coas entidades especializadas, que día a día tratades con todas esas mulleres e coñecedes de preto as súas necesidades e inquietudes”, engadiu.

Lorenzana rematou proclamando que as galegas xuntas “racharemos coas cadeas invisibles da trata para liberar a todas as mulleres e xerar ademais un cambio cultural en favor da verdadeira igualdade e da erradicación de todas as violencias”.
R.