Skip to main content

A USC rememora “o refacho de aire fresco” que supuxo o Seminario de Estudos Galegos e reivindica a súa herdanza

A peza creada pola artista Menchu Lamas constitúe o primeiro vítor co que a institución compostelá homenaxea a todo un colectivo e non a traxectorias individuais.

O reitor da USC, Antonio López; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a segunda tenente de Alcaldesa do Concello de Santiago, Míriam Louzao; o alcalde do Consello de Ames, Blas García Piñeiro; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez participaron na colocación desta peza cunha potente connotación simbólica relacionada coa Lenda da Serea, presente na heráldica galega e que inspirou a Castelao na súa proposta de escudo de Galicia. De feito, nas primeiras décadas do século XX, Castelao e outros investigadores do SEG recolleron e catalogaron por toda Galicia unha gran cantidade de heráldicas con esta imaxe.

Galeguismo

O SEG desenvolveuse nun ambiente intelectual impregnado de galeguismo, tal e como se recolle na mostra. As novas xeracións de estudantes estaban inspiradas polo ideario nacionalista das Irmandades da Fala e tomaron como mestres as figuras máis significativas da Xeración Nós: Losada Diéguez, Vicente Risco, Castelao, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas. Estes ingresaron axiña no SEG e tiveron un importante papel na súa orientación. O grupo inicial de estudantes fundadores tivo continuación nas seguintes promocións, como Ricardo Carballo Calero ou Sebastián González García-Paz, a finais dos anos vinte, ou, posteriormente, Xoaquín Lorenzo, Francisco Fernández del Riego e Luis Seoane.

A colocación deste vítor engádese á ringleira de actividades coa que a USC pretende poñer en valor o legado do SEG. Así, a mostra comisariada polo profesor Monteagudo é de carácter itinerante e pasará polas facultades de Química, Dereito, Filoloxía, Xeografía e Historia, Ciencias Económicas e Empresariais, Formación do Profesorado, Veterinaria e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE). A exposición integrada por unha serie de paneis divulgativos que relatan a orixe e evolución do SEG serve de contexto para a primeira vaga de Faíscas Culturais coas que a USC pretende levar ás aulas intervencións de carácter cultural para prender o espírito crítico e a reflexión entre o alumnado. A primeira das Faíscas desenvolveuse tamén este mércores 11 na Facultade de Química a través da aula aberta impartida por Xoana Pintos baixo o lema ‘Os científicos no Seminario de Estudos Galegos: investigación e país’.

Faíscas culturais

As faíscas son partículas que se desprenden dun corpo que arde. A partir deste concepto, a USC lanzou o pasado curso un novo proxecto artístico-pedagóxico co que se logrou que o “lume” das manifestacións culturais e artísticas saltase ata as aulas universitarias e prendese a través da reflexión no alumnado inseríndose no seu currículo académico. Estas novas Faíscas pretenden agora conectar a herdanza do SEG cos contidos que se están a estudar nas aulas actuais.

Así, alumnado da Facultade de Dereito realizará o 27 de outubro unha posta en escena baixo o lema ‘Nove estudantes. O SEG na Facultade de Dereito’. A Faísca da Facultade de Filoloxía terá lugar o 9 de novembro e consistirá nunha mesa redonda na que Alejandra Ulla, Elias Torres, Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra abordarán o SEG, a filoloxía e as letras galegas e a relación con Portugal. ‘As Cruces de Pedra na Galiza e o estilo galego de Castelao’ é o título da aula aberta coordinada por José M. López Vázquez, intervención que a Facultade de Xeografía e Historia acollerá o 20 de novembro. Ciencias Económicas e Empresariais será o escenario da Faísca que leva por título ‘O mundo dos Felices Anos Vinte. Unha perspectiva dende Galiza’, aula aberta con Adrián Dios e Xoán Carmona, que terá lugar o 29 de novembro.

Xa no Campus de Lugo, a primeira das Faíscas terá lugar o 20 de outubro na Facultade de Formación do Profesorado e nela Antón Costa profundará nos esforzos do SEG por galeguizar as escolas e anovar o ensino. Baixo o lema ‘O Seminario de Estudos Galegos: o territorio e o patrimonio natural de Galicia’, Francisco Sineiro, Eduardo Corbelle e Pablo Ramil impartirán unha aula aberta na EPS de Enxeñaría o vindeiro 22 de novembro. Finalmente, Veterinaria acollerá o 29 de novembro a intervención de Ruth Rodríguez Bermúdez, quen afondará no rol do SEG no estudo do papel das razas autóctonas de Galicia. Os horarios e localizacións das diferentes actividades xa poden consultarse na páxina web das Faíscas Culturais.

Documental

Con motivo do centenario da fundación do SEG, Nós Televisión produce un documental sobre esta institución que foi clave para Galicia. No audiovisual percórrese a historia do Seminario a través do seu legado coa colaboración da USC e co apoio do Museo de Pontevedra, Concello de Santiago, Concello de Ames e Xunta de Galicia.
R.