Skip to main content

El presidente de la Xunta celebra el centenario del Centro Gallego de Buenos Aires (Argentina)

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño anunciou que o Consello da Galicia Exterior, que se creará coa nova Lei da Galeguidade, recoñecerá e dará representación nos órganos da emigración a todos e cada un dos emigrantes. “Por primeira vez na historia da nosa emigración os cidadáns terán voz e voto no Consello da Galicia Exterior”, aseverou Pérez Touriño. “Voz e voto”, engadiu “porque sodes os protagonistas, poderedes ser elixidos e elixir como corresponde nunha sociedade democrática, moderna e xusta”.

Así mesmo, remarcou que a Lei da Galeguidade, que entrará no Parlamento de Galicia antes de rematar o ano, “suporá, por primeira vez na historia, o recoñecemento e a distinción do patrimonio da galeguidade para os centros galegos centenarios”. “É o recoñecemento de Galicia enteira a esa obra colectiva da emigración, iso é o que significa esa Lei”, subliñou o titular do Goberno galego.

Durante un multitudinario encontro coa colectividade galega en Costanera Sur, en Buenos Aires, o presidente da Xunta quixo agradecer publicamente o esforzo e o traballo realizado ao longo dos anos polos centros galegos, espallados ao longo e ancho do mundo, que se converteron “en instrumentos útiles para difundir as máis solidarias causas e a prestación de servizos á colectividade”. Touriño destacou que nestes centros, que cualificou de “fogares de Breogán”, miles de galegos “que fuxían da longa noite de pedra, atoparon acubillo e xustiza na Arxentina”.

En particular, o xefe do Executivo galego salientou o labor do Centro Gallego de Buenos Aires ao longo dos seus cen anos de historia, e amosou a súa satisfacción e interese por asistir á conmemoración de tan significada data.

O máximo mandatario autonómico agradeceu aos emigrantes que teñan sabido transmitir “ese amor polos mellores valores de dignidade, de traballo, de sacrificio e de solidariedade aos vosos fillos e aos vosos netos”. Nese sentido subliñou que tanto o Goberno galego como o de España son “plenamente sensibles” a ese fenómeno e que, polo tanto, “abriron as portas” a que os netos de galegos poidan adquirir a nacionalidade española antes de que remate o ano.

“Podedes ter a seguridade de que todos os netos, os vosos descendentes, terán dereito á nacionalidade española. Ides conseguir aquilo que por nacemento desde o voso berce xa levabades inscrito no voso corazón, que é o sentimento de ser galegos e de ser españois”, manifestou o titular da Xunta.
Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico subliñou o empeño dos gobernos galego e español por garantir a plena igualdade de dereitos dos cidadáns independentemente do seu lugar de residencia. Nese sentido, puxo de manifesto que dos arredor de 115.000 galegos que residen en Arxentina, preto da metade, 50.000, teñen máis de 65 anos e “todos reciben unha pensión asistencial do Goberno de España e de Galicia”.

O xefe do Executivo galego insistiu na súa intención de seguir afondando nese camiño e relatou que hoxe mesmo, tivo a oportunidade de adiantarlles aos membros do Consello de Residentes Españois (CRE) de Arxentina, o traballo conxunto dos gobernos galego e español para estender á Galicia exterior a asistencia aos dependentes e discapacitados. Nesa liña anunciou que no mes de novembro empezarán a funcionar, como resultado de colaboración entre a Xunta e o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, 40 prazas para maiores galegos dependentes nun centro de día en Bos Aires, “un servizo de atención que ata agora non había” e que se continuará ampliando.

Emilio Pérez Touriño reiterou ante os milleiros de emigrantes congregados, que aspira a facer da política “un exercicio de transparencia e de proximidade”. Así, lembrou que en marzo de 2006, durante a súa primeira visita a Arxentina como presidente da Xunta, asumiu o compromiso de crear na capital federal a primeira delegación da Xunta no exterior. “Onte cumprín e asistín á apertura da primeira delegación da Xunta en Buenos Aires”, afirmou, que está dotada de medios, de persoal e de recursos para prestar unha mellor á emigración galega”, sinalou o titular da Xunta, quen emprazou aos emigrantes a facer dela a súa casa.
No seu discurso, o presidente galego, enfatizou que “se acabaron os tempos da intermediación”, lembrando que “a Xunta está máis preto dos emigrantes galegos”, e lles ofrecerá un servizo público de asesoramento. “A Delegación da Xunta traballará cóbado con cóbado coa Embaixada de España para facer máis España e máis Galicia” en Arxentina, aseverou.

“Quero unha Galicia con influenza, con peso e con cercanía”, afirmou Pérez Touriño, e de aí que a nova sede da Xunta en Arxentina estea encamiñada tamén a promover as relacións económicas e culturais entre un lado e o outro do Atlántico.
Xunto con isto, o xefe do Goberno galego referiuse á extraordinaria transcendencia que ten para o futuro a adscrición como Obra Social do Hospital do Centro Gallego de Buenos Aires. Lembrou que se trata “dun hospital que ten pasado por dificultades”, xa que ata o de agora se sostiña coas cotas dos socios, cada vez máis envellecidos, polo que o seu futuro sen esta declaración sería incerto.

Neste sentido, o máximo mandatario galego recordou que durante a súa primeira xuntanza como presidente da Xunta co presidente arxentino, Néstor Kirchner, lle transmitiu a necesidade de acadar este obxectivo para o Hospital do Centro Galego e agradeceu o compromiso e o esforzo realizado polos gobernos de España e Arxentina para facelo posible, xa que é a primeira vez que se concede a adscrición como Obra Social ao hospital dunha colectividade non arxentina.
R.