Skip to main content

Inmaculada Paz Andrade recibe el premio María Wonenburguer a la investigación científica

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar de la Xunta de Galicia:

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, entregoulle en Santiago o Premio María Wonenburger a Inmaculada Paz Andrade, catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. O galardón, enmarcado na Unidade Muller e Ciencia e que se entrega por vez primeira, quere resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos da ciencia e a tecnoloxía, e o seu nome pretende ser unha homenaxe á figura da matemática coruñesa María Wonenburger Planells. O vicepresidente explicou que o premio é unha oportunidade de visibilizar a figura das mulleres investigadoras, poñendo en valor as aportacións femininas en espazos onde as mulleres aínda non están nunha posición igualitaria.

Quintana referiuse á importancia de achegar “a ciencia ás mulleres e as mulleres á ciencia” dende o Goberno galego, adoptando unha estratexia “construtiva, positiva e activa”, porque “Galiza necesita a ciencia e a ciencia precisa das mulleres”, ao tempo que defendeu que a “igualdade xera riqueza” para o país. Recalcou que o obxectivo común da Vicepresidencia é conseguir que as mulleres incrementen a súa participación na actividade de produción e difusión do coñecemento, da ciencia e da investigación, tratando de garantir a igualdade de condicións e xerando condicións laborais atractivas.

Así, enmarcou este compromiso no V Plano do Goberno Galego para a Igualdade entre Mulleres e homes, e na liña de traballo da Plano Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010 (INCITE). Este último pretende duplicar o número de investigadores ata 2010, con especial atención á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Concretou que no marco do plano, o Programa de Recursos Humanos destinou este ano 29,4 millóns de euros, que están permitindo a contratación de 500 prazas de investigación. Dixo que, deste xeito, poderase dedicar o 1,5% do PIB á I+D+i no 2010. Ata o de agora, e como efectos dos planos, no 2007 un total de 856 mulleres participaron en proxectos de investigación apoiados pola Consellería de Innovación e Industria.

Coa participación da Vicepresidencia e das Consellerías de Innovación e de Educación, o pasado mes de marzo botou a andar a Unidade Muller e Ciencia, coa fin de “construír ciencia en igualdade”. Os obxectivos deste programa pasan por afondar na sensibilización social sobre a relación entre as mulleres e a ciencia, visibilizando o papel das mulleres científicas en Galiza. Tamén contempla a posta por implicar a tódolos actores sociais: medios de comunicación, universidades, empresas e centros de investigación. Outro dos proxectos sobre os que se está a traballar é a posta en marcha dun centro de formación e titorización para emprendedoras galegas no eido do coñecemento e a innovación. Polo tanto, o vindeiro ano, a Unidade Muller e Ciencia intensificará as súas actuacións, cun orzamento mínimo comprometido de 400.000 euros.

Quintana dixo que a posición das mulleres na investigación científica debe superar situacións de desigualdade, xa que, mentres que as mulleres son maioría nos programas de formación de investigadores, teñen mellores cualificacións e reciben máis bolsas formativas, tan só o 38% das persoas investigadoras censadas son mulleres. Outro dato significativo é que no contexto da investigación privada, un 69% de investigadores teñen contrato indefinido, fronte ao 57% de mulleres.

Ademais, a proporción de mulleres que hai a medida que se sobe no escalafón xerárquico descende, observándose, por exemplo, que tan só 2 de cada 10 directores de proxectos ou investigacións son mulleres. Estas situacións supoñen para o vicepresidente da Xunta “o verdadeiro talón de aquiles para a ciencia, o progreso e a igualdade social”. Por iso, Quintana defendeu a adopción dunha estratexia positiva que acabe coas barreiras e estereotipos que ensombrecen a igualdade entre homes e mulleres e que levan a desaproveitar o grande potencial das investigadoras.

Inmaculada Paz Andrade foi, no campo da docencia, a primeira muller nomeada Profesora Adxunta (hoxe Profesora Titular) Interina da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago (USC), a primeira muller Profesora Adxunta por oposición, a primeira muller Encargada de Cátedra da Facultade de Ciencias, a primeira muller Profesora Agregada da Facultade de Química e a primeira muller Catedrática da Facultade de Física. Dirixiu máis de 30 teses de doutoramento.

No ámbito da investigación, iniciou unha carreira científica vocacional cunha traxectoria fulgurante que pronto é recoñecida tanto a nivel estatal como no eido internacional, converténdose en referencia mundial como especialista en Microcalorimetría, Termoxénese e Análise Térmico Diferencial. Creou o Grupo de Microcalorimetría da USC e os seus laboratorios. No ámbito profesional internacional, está considerada como unha das mellores investigadoras no campo da Termodinámica e a Microcalorimetría. Ten realizado máis de 225 publicacións científicas e colabora cos e coas mellores especialistas a nivel mundial nos campos da súa especialidade. É, dende1999, Profesora Emérita da USC. Recibiu a Medalla de Ouro de Física da Real Sociedade Española de Física (1992), o Premio Galicia de Investigación Científico-Técnica “Antonio Casares y Rodrigo” da Xunta de Galicia e a Insignia de Ouro da Universidade compostelá.

R.