Skip to main content

Emigración atendió a más de 1.400 gallegos residentes en el exterior en situación de dependencia

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Secretaría Xeral de Emigración:

A Secretaría Xeral de Emigración, que no presente ano destinará máis de 200.000 euros á aplicación experimental da Lei de Dependencia no exterior para costear actuacións de axuda domiciliaria, atendeu en 2007 a 1.408 galegos e galegas en situación xustamente de dependencia. Estes beneficiarios, que o foron en virtude da concesión dunha axuda asistencial, incorporáronse ao ámbito de actuación da Secretaría Xeral de Emigración grazas á inclusión de novos supostos para recibir este tipo de axudas, e que por primeira vez incluíron aos galegos e galegas en situación de dependencia ou enfermidade grave e aos familiares que os coidan.

Esta actuación, que permitiu sentar as primeiras bases do que será propiamente a aplicación a partir deste ano da Lei de Dependencia na Galicia exterior, saldouse con 1.211 axudas por situación de dependencia do solicitante, e con 197 axudas por situación de dependencia no seo da unidade familiar. Por países, a illa de Cuba foi receptora de 938 axudas, Arxentina de 284, Uruguai de 119, Venezuela de 39 e Brasil de 28. As axudas permitiron sufragar, basicamente, asistencia domiciliaria, adaptación da vivenda e gastos de medicamentos.

Rede de centros de día

Xunto con isto, a Secretaría Xeral de Emigración, no compromiso coas políticas que contribúan a consolidar a plena cidadanía dos galegos e galgas residentes no exterior, apostará de cara ao presente ano pola execución de novos programas cos que se amplíe o ámbito de actuación tradicional e se poida chegar a novas áreas de concentración de galegos e galegas. Nese senso, ao longo de 2008 consolidarase a rede de centros de día, emprazando novos centros ou novas prazas en entidades destas características en novas cidades, segundo as previsións que se manexa en coordinación coas Consellerías Laborais, a Delegación da Xunta en Bos Aires e as institucións que desenvolven os programas. Sirva de exemplo o proxecto que se desenvolve en colaboración coa Consellería Laboral de Arxentina para a dotación de 40 prazas para persoas dependentes no Fogar de Anciáns de Domselar.
R.