Skip to main content

El presidente de la Xunta pide a la CE que clarifique como se regulará la estabilidad de precios cuando desaparezcan las cuotas lácteas

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, subliñou o “cambio drástico” das políticas agrogandeiras que impulsa o Goberno galego coa directriz de “aproveitar todo o potencial do medio rural, en todas as direccións e en todo o noso territorio”. “Móvenos a busca permanente de rendas dignas e de perspectivas de futuro reais para os habitantes do rural galego”, engadiu.

No acto de clausura das xornadas de Unións Agrarias sobre O presente e futuro do sector lácteo, Pérez Touriño indicou que o compromiso co medio rural foi o que motivou que o Executivo Autonómico puxese en marcha iniciativas como o Banco de Terras, o contrato de explotación sustentable, ao que se dedicarán 125 millóns de euros en cinco anos, ou a posta en valor do monte mediante actuacións integrais para a prevención de lumes.

O máximo mandatario galego, quen sinalou tamén as actuacións da Xunta a prol “da mellora das rendas dos labregos, da promoción da diversificación económica e do impulso da transparencia na formación e na mellora de prezos”, remarcou ademais nas medidas de apoio ao sector lácteo desenvolvidas nesta lexislatura. Asegurou que o Executivo autonómico promoveu neste eido “avances en reivindicacións históricas dos produtores de leite que nunca antes foran atendidas”.

Nese sentido, o titular da Xunta destacou a importancia do acordo, impulsado polo Goberno galego, entre os representantes dos produtores e a Asociación de Empresas Lácteas de Galicia “cara á unha maior transparencia nas relacións coas industrias”, así como da creación do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia, “que achega solucións tanto no ámbito da produción como no da transformación e da distribución”.

O presidente da Xunta afirmou que a política impulsada pola Administración autonómica nos últimos anos en relación co sector lácteo se caracterizou pola “anticipación, a planificación e a axilidade”, creando “un modelo que neste momento resulta vital para ir esbozando o futuro do sector lácteo”.

Pérez Touriño salientou a aposta do Goberno que preside por “estratexias orientadas a mellorar a competitividade nos procesos de transformación e de comercialización do sector lácteo”, así como por fortalecer “as relacións interprofesionais”, fomentando “a integración, a concentración e as alianzas”. Ao tempo, amosouse convencido de que o sector continuará medrando en capacidade investigadora e científica da man do Centro Tecnolóxico de Produtos Lácteos, que terá unha achega de case 10 millóns de euros.

Na súa intervención, o titular do Executivo galego que resaltou que “o sector leiteiro non pode seguir lastrado polo desaxustado cálculo inicial de cotas, por modelos de xestión deficientes e por distorsións nos modelos de produción”. Apuntou que as explotacións galegas afrontan a etapa de transición que se abre cara á desaparición da cota láctea “cun profundo endebedamento”, xa que nos últimos sete anos investiron 288 millóns de euros na compra de cota.

“Galicia, cos seus 2,15 millóns de toneladas, concentra hoxe o 38% da cota estatal e o 56% das explotacións”, afirmou Touriño, quen reivindicou a necesidade de que a UE articule “medidas compensatorias” para países que, como o noso, tiveron que acometer “un esforzo extra” para “gañar corpo fronte á maioría das rexións produtoras”.

O presidente da Xunta lembrou que a propia UE recoñece que tanto o progresivo aumento de cotas que se vai estrear como a supresión definitiva a partir da campaña 2014-2015 terán “impacto en rexións como Galicia” e abre a posibilidade de establecer medidas de apoio. Nese sentido, resaltou a necesidade de que a Comisión Europea “clarifique qué tipo de axudas compensatorias vai arbitrar”, así como “que grao de protección dos mercados vai implementar”, ademais de “cal será o incremento gradual de cotas para os vindeiros anos, antes de que se produza a liberalización do mercado”, e, en definitiva, “cales van ser os novos instrumentos de regulación para acadar a estabilidade de prezos e o dinamismo do sector”.

“O Goberno galego velará polos intereses de Galicia, polos intereses dos nosos produtores, na reforma comunitaria que está plantexada”, afirmou Pérez Touriño, ao tempo que reclamou “unha estratexia unificada e de consenso, que nos sitúe na primeira liña para que Galicia sexa un dos destinos básicos das medidas compensatorias que, necesariamente, partirán desde a Comisión nos vindeiros anos”.

O xefe do Goberno autonómico resaltou que “están en xogo o futuro de 15.000 familias galegas, o da actividade dinamizadora de moitos concellos e comarcas de Galicia e o dunha produción que económica e socialmente é estratéxica para o país”.

Emilio Pérez Touriño destacou que “o Goberno da Xunta e o Goberno de España compartimos posicionamentos, compromisos de futuro, políticas de progreso e iniciativas para que o medio rural non sexa sinónimo de abandono”. Como exemplo dese compromiso, subliñou a importancia do anuncio feito recentemente pola ministra de Agricultura, Elena Espinosa, de garantir, por primeira vez, “cota gratuíta para os gandeiros, sexa cal sexa o incremento que decida facer en marzo a Comisión Europea”.

O máximo mandatario galego recalcou que se trata “dunha medida de grande alcance” que pon a disposición dos gandeiros “máis cota para seguir medrando”, e lembrou que “desde a creación do Fondo de Cotas, no ano 1999, é a primeira vez que a totalidade da cota adxudicada aos gandeiros será gratuíta”. Ademais, o titular da Xunta remarcou a importancia dos plans de reestruturación postos en marcha polo Ministerio de Agricultura nesta lexislatura, que permitiron dobrar o tamaño medio das explotacións galegas, permitindo que hoxe “esteamos moi por enriba da media da UE de 25 Estados membros, situada en 104 quilos”.

O titular do Goberno galego incidiu en que o compromiso co sector lácteo do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero permitiu que “as 90.000 persoas que viven no noso medio rural, melloraron o pasado ano nun 10% as súas rendas, sendo a primeira vez que sucede algo así en 20 anos”.

No seu discurso, o presidente da Xunta subliñou a importancia da Lei de Desenvolvemento Sustentable do Medio Rural, dentro do “xiro de modernidade e de progreso que están a imprimir de xeito coordinado os gobernos de Galicia e do Estado”. Segundo dixo, esta lei estatal “afectará en Galicia ao 90% do noso territorio e á práctica totalidade dos nosos concellos”, acadando aquí “cotas históricas” de implicación a prol “do reequilibrio territorial, da cohesión e da igualdade de oportunidades” .

Estes obxectivos, que son, apuntou Touriño, vellas reivindicacións de gandeiros e agricultores galegos, “tiveron a súa plasmación máis clara en dous plans do Goberno galego: o Plan de Reequilibrio Territorial e o Plan de Desenvolvemento do Medio Rural”.

Destacou que o Goberno galego aprobou o Plan de Desenvolvemento Rural para o período 2007-2013, para, coa axuda do Goberno de España, achegar ao rural galego máis de 1.500 millóns de fondos públicos. O presidente da Xunta subliñou que a iniciativa comeza a dar resultados, xa que “en plena crise xeracional no sector primario, na actual lexislatura propiciamos a incorporación de máis de 1.600 mozos a explotacións agrogandeiras das catro provincias galegas”.

Paralelamente, o titular da Xunta resaltou que o Plan de Reequilibrio Territorial constitúe “o primeiro exercicio que se fai na nosa historia para acadar unha Galicia equilibrada, igualitaria e xusta”, apostando pola dinamización das comarcas do interior, e mobilizando un total de 3.600 millóns de euros.

R.