Skip to main content

La exposición itinerante conmemorativa del 25º aniversario del Consello da Cultura llega a Lugo

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Vicepresidencia de la Diputación Provincial de Lugo:

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, inaugurou a mostra “Galicia 25. Unha cultura para un novo século”, un proxecto de carácter itinerante e interactivo que fai balance do progreso social e cultural de Galiza dende o ano 1983, data na que se fundou a entidade organizadora da exposición, o Consello da Cultura Galega. O Pazo de San Marcos acolleu este acto no que tamén participaron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o director territorial de Caixanova –organismo colaborador-, Manuel García Miñaca, o representante dos tres comisarios da mostra, Henrique Monteagudo, e a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro.

Tal e como se explicou no acto de inauguración, a exposición está estruturada baixo os ítems “Formas e espazos”, “Palabras, imaxes e sons” e “Fíos e desafíos”. Das verbas dos tres comisarios de “Galicia 25. Unha cultura para un novo século”, - Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo e Iago Seara- recollidas nunha publicación complementaria á mostra, extráese a esencia deste proxecto: a importancia e significación da cultura como elemento substancial da identidade do país e compoñente decisivo na configuración da Galicia da Autonomía. De feito, na súa intervención, Antón Bao destacou que esta mostra “é un escaparate da cultura galega, a imaxe dun país en marcha que ten algo que dicir e quere dicilo, unha cultura e un idioma con capacidade para dialogar e interactuar con outras culturas e outros idiomas en igualdade de condicións, sen arrogancias e sen complexos”.

A maiores, cómpre salientar tamén que este proxecto cultural abarca a arquitectura e a identidade, a cultural ambiental, os espazos de comunicación, o deseño e a industria, o valor do patrimonio, a creación, a sociedade do coñecemento, os sons do lugar, o territorio luminoso das palabras, a festa dos máis novos, o libro, as imaxes e a ficción, e, por último, as artes escénicas e as diferentes posibilidades e presenzas de Galiza no mundo. A exposición tamén inclúe un amplo programa de actividades que o propio Consello da Cultura Galega promoveu e desenvolveu en 2008 para conmemorar os seus primeiros 25 anos de vida.

A mostra, conformada por 25 módulos ou unidades temáticas, percorreu xa as cidades de Vigo, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Ourense. En Lugo, poderase visitar na Sala de Exposicións e nas galerías interiores do Pazo de San Marcos ata o vindeiro 19 de xullo.
R.