Skip to main content

8-M: Partidos políticos y diversos colectivos denuncian la brecha salarial que existe entre hombres y mujeres

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O Partido Popular de Galicia, na conmemoración do Día Internacional da Muller, quere reiterar o seu compromiso de seguir traballando pola igualdade real e efectiva entre mulleres e homes para acadar un modelo social avanzado sen barreiras nin discriminacións por razón de xénero.

O Partido Popular de Galicia é consciente dos progresos, pero tamén da presenza de obstáculos que aínda persisten, como as dificultades de conciliación, os horarios extensos e pouco flexibles, a desigual repartición de tarefas no ámbito familiar, así como a brecha salarial, desgraciadamente aún existente.

Segue a ser un reto incorporar e manter ás mulleres no mundo laboral, económico, político e social, xa que as mulleres, que constitúen máis do 50% da poboación, non chegan a acadar esta porcentaxe nos indicadores máis importantes de representatividade.

Dende o Partido Popular de Galicia queremos manifestar o noso compromiso e convencemento de que a plena integración das mulleres en todas as esferas resulta imprescindible para acadar o obxectivo dun crecemento demográfico, económico, progresivo, solidario, intelixente e sostible na nosa Comunidade Autónoma.

A mellora das expectativas económicas e de emprego das mulleres ten que ser compatible coa vida privada e familiar. E para poder conciliar é imprescindible impulsar medidas que permitan tanto a mulleres como a homes equilibrar a balanza das súas responsabilidades. Pero as dificultades de conciliación no ámbito laboral e familiar seguen afectando en maior grao á muller, e son moitas as que se ven obrigadas a renunciar a proxectos persoais e laborais.

O Partido Popular de Galicia é consciente de que estas dificultades constitúen a principal barreira que impide lograr a plena Igualdade, xa que mulleres e homes deben ter as mesmas oportunidades de desenvolver o seu proxecto vital e de facelo en condicións de igualdade.

A superación desta realidade require da actuación coordinada e a corresponsabilidade de todos os axentes implicados no deseño, execución e avaliación das medidas e accións encamiñadas ao logro de avances reais, pertinentes e tanxibles na igualdade entre mulleres e homes.

Temos que sumar esforzos entre todos e todas para por en marcha un importante motor de cambio, que conleva un proceso de sensibilización, formación e aplicación de determinadas accións positivas que supriman as barreiras de xénero tantas veces invisibles.

A igualdade de oportunidades ten que ser o punto de partida de todas as persoas, o resultado é aquel que cada un se constrúe co seu esforzo, co seu traballo, e co seu talento. E só se favorecemos con igual énfase a esixencia, o esforzo, a excelencia, nun marco de igualdade de oportunidades, teremos individualmente, e a sociedade no seu conxunto, máis opcións de futuro.

Homes e mulleres, somos, dende a diversidade, igualmente valiosos e necesarios, pero en demasiadas ocasións as mulleres seguen tendo que demostrar o dobre para alcanzar a metade.

É indiscutible que a igualdade entre mulleres e homes ten un impacto positivo no crecemento económico, no emprego e na produtividade das empresas, e é imprescindible para mellorar as taxas de emprego, a competitividade e a cohesión social

Dende o Partido Popular de Galicia apostamos polas mulleres galegas que demostraron e demostran, unha tenacidade e unha capacidade de traballo realmente notables para achegar a súa visión e talento ao modelo da nosa cultura e economía. Por iso, poñer a súa enerxía e talento ao servizo do benestar xeral e do desenvolvemento empresarial permitiranos conseguir grandes logros.

Levamos percorrido un longo camiño na igualdade entre todos e todas, pero compre seguir reforzando o firme compromiso de seguir avanzando na súa consolidación, xa que nalgúns casos os cambios son lentos, coa sensación ás veces de que imos cara atrás, e nos preocupa retroceder no camiño avanzado, porque desgraciadamente estamos a ver que os nosos mozos e mozas están a reproducir os estereotipos de xénero que creíamos superados.

Hoxe, no Día Internacional da Muller e todos os días, miremos con valor, convicción e determinación cara un futuro, que só é posible contando con homes e mulleres, mulleres e homes.

Porque seguiremos celebrando o Día Internacional da Muller mentres non exista a igualdade real, mentres non gocemos das mesmas oportunidades e dos mesmos dereitos. Éste é un camiño difícil e complexo, é o reto para seguir constríndo unha sociedade libre, avanzada e xusta, que dende unha real igualdade de oportunidades de os froitos en beneficio das persoas que a compoñen. O máis importante é non poñerse metas, e sobretodo, non poñer límites a esas metas.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou en Santiago “a igualdade de xénero como base na que apuntalar o progreso social” e defendeu “o empoderamento da muller” fronte a unha dereita política “que a relega a un papel secundario”.

O líder dos socialistas galegos participou no acto do Día Internacional das Mulleres organizado polo PSdeG ante a estatua de Rosalía de Castro situada na Alameda de Santiago. Participaron tamén na lectura dun manifesto (documento adxunto) a secretaria de Organización, Pilar Cancela; a secretaria de Igualdade, Eva Martínez; a deputada Carmen Acuña; o candidato á alcaldía compostelana, Francisco Reyes, e outros cargos orgánicos, militantes e simpatizantes.

“O empoderamento da muller é necesario nun camiño caracterizado pola desigualdade social e laboral, o paro, a temporalidade, a desigualdade salarial, as dificultades para conciliar a súa vida familiar, persoal e laboral, os obstáculos para acceder aos postos de responsabilidade ou mesmo os problemas para participar da vida política dun xeito activo”, asegurou Besteiro.

En opinión do secretario xeral do PSdeG, “de novo a dereita está a facer que un día que debería ser de celebración se teña que volver a converter nun día de reivindicación, xa que o que fixo o Partido Popular é desfacer o camiño andado pola loita das propias mulleres tras séculos de reivindicacións”.

“Vemos como a fenda salarial entre homes e mulleres medra dende que goberna a dereita, e o fai máis aquí en Galicia, onde os salarios das mulleres caeron máis fortemente que os dos homes; menos orzamento para igualdade, menos impulso ás políticas de xénero e menos capacidade de decisión para as mulleres”, afirmou na súa intervención.

Besteiro lembrou que “o abandono da igualdade nos condena a todos ao fracaso como sociedade e por iso para os socialistas a igualdade entre homes e mulleres a todos os niveis debe ser o elemento central de todos os esforzos de desenvolvemento económico e social”.

“Para loitar contra o risco de exclusión social no que se atopan milleiros de mulleres no noso país hai que contar cun proxecto real de Goberno e de futuro para Galicia, un proxecto que contemple este empoderamento promovido dende os poderes públicos que defendemos os socialistas; só así recuperaremos o futuro de todas as galegas que xeración tras xeración forxaron a meirande parte da prosperidade económica deste país”, rematou o líder dos socialistas galegos.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de FEAFES Galicia.

Segundo o censo de persoas con discapacidade da Consellería de Traballo e Benestar, na nosa comunidade hai 41.533 persoas con certificado de minusvalía por enfermidade mental, sendo a segunda causa de discapacidade despois da física e moi por diante da psíquica e sensorial.

As persoas con enfermidade mental cargan con grandes lacras na súa vida diaria: unha concepción negativa por parte da sociedade, grandes dificultades para a súa inserción social e laboral e insuficientes recursos na atención á saúde mental. Dentro deste colectivo, as mulleres (que representan o 43% do total de afectados) están se cadra máis desprotexidas xa que sofren unha tripla discriminación:
• O estigma asociado ao padecemento dunha enfermidade mental
• O rexeitamento que provoca a discapacidade derivada da enfermidade mental
• A discriminación derivada de ser muller e o que isto implica na nosa sociedade

Esta tripla discriminación provoca unha serie de obstáculos cos que se atopan as mulleres con enfermidade mental no seu día a día. Por unha parte están as dificultades derivadas da propia enfermidade, como poden ser problemas no funcionamento psicosiocial e familiar, barreiras para a súa participación na comunidade e dificultades de autonomía nas diferentes áreas da vida persoal e social.

Por outra banda, existe un prexuízo social que afecta especialmente a estas mulleres, dado que a sociedade en xeral ten unha imaxe negativa do colectivo considerándoos incapaces ou demasiado problemáticos para levar a cabo unha vida normalizada.

Isto tamén provoca dificultades no eido laboral, pois as mulleres que sofren unha enfermidade mental son un dos colectivos da sociedade que teñen máis dificultades para acceder a un posto de traballo. Como consecuencia, carecen de recursos económicos polo que a miúdo son dependentes das súas parellas.

Téñense detectado casos de mulleres con enfermidade mental que ven dificultado o exercicio da súa maternidade. Como a calquera outra nai ou pai non se debe xulgar o mero feito de padecer ou non unha discapacidade ou enfermidade mental senón de dispor de asesoramentos e apoios axeitados na toma de decisións.

Tamén é un feito recoñecido que a violencia de xénero exercida contra as mulleres con enfermidade mental grave, moitas veces por parte das súas parellas e ex parellas, é máis frecuente que a que se exerce sobre as mulleres que non presentan estes diagnósticos.

Para facer fronte a esta realidade, FEAFES Galicia apoia os procesos de integración social das mulleres con enfermidade mental, axudando a mellorar o seu benestar físico e a aumentar a súa propia estima a través da participación activa na comunidade.

Neste senso, a entidade desenvolve un Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Secretaría Xeral de Igualdade. A través deste programa, FEAFES Galicia facilita información e asesoramento a mulleres con enfermidade mental, realiza accións formativas, atende urxencias e traballa coordinadamente con outros recursos.

Ó longo do 2014, un total de 66 mulleres con enfermidade mental recibiron formación e asesoramento ó amparo deste programa para aumentar a súa autonomía, lograr unha maior adherencia ó tratamento, adquirir unha maior consciencia da enfermidade, recuperar as súas destrezas cognitivas e mellorar as súas habilidades sociais. Ademais destas beneficiarias directas, ata 97 familiares favorecéronse tamén destas accións.

Segundo indica a “Estratexia de Saúde Mental do Sistema Nacional de Saúde”, a prestación de atención á saúde mental realizada por coidadores informais supón o 88% do total desta atención en España. Isto implica unha carga tremenda para as familias, posto que a atención dun paciente psiquiátrico trae asociadas toda unha serie de alteracións na vida do coidador.

Destes coidadores informais, as mulleres son as que soportan o maior traballo, pois en case o 90% dos casos a atención á persoa con enfermidade mental é realizada polas nais. Isto provoca nestas mulleres un importante retraemento social porque o coidado da enfermidade mental implica unha gran dedicación: a coidadora e o enfermo íllanse do entorno e os prexuízos sociais resultan moi daniños.

A abordaxe integral da enfermidade mental debe incluír tamén unha adecuada atención ó entorno máis próximo, que a miúdo precisa de apoios específicos como programas de axuda mutua, intervención familiar, etc. Os familiares, amigos e coidadoras son un elemento esencial na recuperación das persoas con enfermidade mental, polo que tamén precisan un asesoramento e unha formación que FEAFES Galicia, así como as asociacións membro, ofrecen a través dos seus servizos.

FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 6.200 socios.


R.