Skip to main content

Jordi Évole reivindica ante los periodistas no ser un colectivo de groupies y escrutar al poder

Notas de prensa remitida por el Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia:

O xornalista Jordi Évole, que recolleu en Ferrol o Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social la Caixa, apostou por uns profesionais dos medios de comunicación que non sexan 'groupies de ningún partido'.

'Temos que ser escrutadores deses novos gobernos como o fomos antes', apuntou respecto aos resultados das eleccións municipais do pasado domingo que tumbaron executivos conservadores e abriron a porta a outros progresistas, co foco en marcas de novo cuño como as Mareas nas grandes cidades de Galicia, Ahora Madrid de Manuela Carmena na capital do Estado ou Barcelona en Comú de Ada Colau na urbe catalana.

O tamén presentador, que participou nos Almorzos On/Off do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, na galería Sargadelos de Santiago de Compostela, advertiu de non repetir a historia acomodaticia do pasado, que para os progresistas se acabou convertendo na Transición á democracia nunha frase feita de desacougo: 'Contra Franco viviamos mellor'.

Évole recoñeceu que os resultados dos comicios do 24M puideron xerar 'alegría momentánea' nos xornalistas que traballan a pé de rúa. Non obstante, insistiu: 'Temos que intentar ser incómodos cos que veñen'. O xornalista catalán mantivo, por outra banda, que 'é necesario pagar para ter información potable' e apuntou, nese sentido, que na sociedade está arraigando un espírito crítico que demanda información desas características. 'O espírito crítico multiplicouse por dez entre 2005 e 2015', abondou.

Jordi Évole dixo que os cidadáns son conscientes de que a información trasmitida polos medios, ás veces, non se corresponde exactamente coa realidade que eles perciben, pero aclarou que ese feito non os deixa inmóbiles senón que os leva a "queixarse" e a explicar: 'Eu xa non me fío'. O presentador recoñeceu que son un feito as 'presións' para modular certas mensaxes, pero tamén remachou que se un xornalista detecta 'censura' debe 'levantar a man e denuncialo publicamente'.

Évole defendeu, por outro lado, a necesidade dun acordo entre os partidos políticos para evitar que nas televisións públicas cada vez que cambia un goberno 'cambien até os radiadores'. Iso sí criticou o 'absoluto desastre na xestión das televisións públicas, non só de TVE' e asegurou que o éxito da Sexta na noite electoral do pasado domingo, superando a TVE, ten a súa explicación: 'O especial que se emitiu non se improvisa'. E concluiu: 'Os éxitos non son casualidades'.

Recollida do premio

O xornalista e presentador Jordi Évole recolle en Ferrol o XI Premio José Couso de Liberdade de Prensa. O galardón está organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’. Nunha rolda de prensa posterior á recepción institucional no Concello da cidade departamental, Jordi Évole expresou a súa honra por recibir o premio que leva o nome o camarógrafo ferrolano, mais tamén a súa tristeza porque teñan que existir premios que lembren a compañeiros asasinados. Évole asegurou sentirse un "privilexiado" no sector, "dada a precariedade da profesión", e prometeu loitar, "desde a miña posición de forza" pola dignidade do xornalismo.

O presentador de Salvados fixo un alegato en defensa dun xornalismo incómodo para o poder, para o que lembrou as palabras de Josep Maria Huertas que "sempre dicía que un xornalista o que tiña que facer é da súa mesa unha trincheira". Así, afirmou que cando lle preguntan por que no seu programa trata temas polémicos nestes momentos, sempre responde que "o cidadán necesita ter información e ter respostas a preguntas incómodas".

Como método para conseguir este xornalismo, fronte á actual situación da profesión, Évole propuxo que a "redistribución da riqueza que hai nos medios" chegase ás redaccións para permitir aos xornalistas buscaren temas propios. "O xornalista debera marcar á súa axenda e evitar que llela marquen outros, declarou.

Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG, quixo facer un chamamento á solidariedade con Ali Lmrabet, primeiro galardoado co Premio José Couso, que está actualmente a sufrir acoso por parte das autoridades de Marrocos para que non exerza a súa profesión. Lmrabet fora xa privado do seu dereito a exercer como xornalista por decisións xudiciais gravemente inxustas e agora éo por decisións gobernativas, ao negarense as autoridades a expedirlle un certificado de residencia.

No acto tamén estiveron presentes o presidente do Club de Prensa de Ferrol, Siro López, quen fixo mención, un ano máis, á loita da familia de José Couso por conseguir xustiza tras a morte do camarógrafo; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, quen reiterou "o agradecemento da cidade" porque Ferrol sexa sede do premio; e o director territorial de "la Caixa" en Galicia, Marc Arthur Benhamou, que afirmou que é "un orgullo" para "la Caixa" participar na organización do galardón, que este ano chega xa á súa undécima edición.

Jordi Évole Requena (Cornellá de Llobregat, 1974) é xornalista, presentador, guionista de televisión e tamén escribe artigos de opinión. Estudou Comunicación Audiovisual na Universidade Autónoma de Barcelona, UAB, comezando a traballar como locutor de partidos de fútbol no programa Carrusel Catalunya, de Radio Barcelona. Seguidamente, traballou nos Informativos de Telecinco, da Cadena SER e como videoxornalista na televisión local Viladecans Televisió.

No ano 2000 entra na produtora El Terrat como guionista do programa La Cosa Nostra, de Andreu Buenafuente. Logo foi subdirector do programa Buenafuente, en La Sexta, onde destacou interpretando ao seu personaxe máis famoso: El Follonero.

En 2008 estrea Salvados, un programa que mestura reporteirismo atrevido cunha perspectiva irónica e que foi evolucionando cada vez máis cara á información-denuncia. Ao longo da súa traxectoria viuse en ocasións ameazado, e noutras presionado para non emitir determinadas reportaxes.

O seu estilo particular e o éxito de audiencia fíxoo merecedor de diversos Premios (Ondas, Iris, Antena de Ouro, Premio Internacional de Xornalismo Manuel Vázquez Montalbán, entre outros moitos).

Jordi Évole sumase este ano á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa: Ali Lmrabet; Le Monde Diplomatique; Jon Lee Anderson; José Vidal-Beneyto; Rosa María Calaf; Daniel Anido e Rodolfo Irago; WikiLeaks; o Consejo de Informativos da RTVE; Mónica García Prieto; e Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas.

Jordi Évole sumase á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013) e Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014) foron ata agora os galardoados coa estatuiñas das ‘Ás Ceibes’

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’ organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Fotografía: http://www.xornalistas.com/novidades/nova.php?id=12549&lg=gal
R.