Skip to main content

David Cal, Xosé Neira Vilas, Manuel Sánchez Salorio e Enrique Beotas, galardonados con las Medallas de Galicia 2015

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se lles concede a Medalla de Ouro de Galicia a Xosé Neira Vilas, Manuel Sánchez Salorio, David Cal e ao xornalista Enrique Beotas, creador da Sexta Provincia. “Son catro persoas que contribuíron e contribúen a facer unha mellor Galicia”, dixo Feijóo.

Tal e como recordou o presidente, “trátase do máximo recoñecemento que Galicia lle fai a exemplos a seguir, un agradecemento en forma de medalla a aquelas persoas, institucións e fundacións cuxa actividade honra á nosa terra”. Serán entregadas o vindeiro día 24 de xullo.

Xosé Neira Vilas é un dos escritores máis destacados da literatura galega contemporánea. “Foi para moitos de nós o primeiro paso no mundo da literatura galega —recoñeceu Feijóo— coas súas inesquecibles ‘Memorias dun neno labrego’”. Emigrado durante 43 anos, primeiro en Arxentina e despois en Cuba, Neira Vilas seguiu retratando a vida no rural galego desde unha perspectiva infantil con “Cartas a Lelo” e “Aqueles anos do Moncho” e desde un ollar adulto con obras como “Xente no rodicio” e “Querido Tomás”. Tamén é un destacado cronista da emigración, con volumes como “Camiño bretemoso”. Volveu a Gres, a súa aldea natal, en 1994. Hoxe segue publicando , “e recentemente recompilou as historias dun centenar de galegos emigrados en ‘Semente galega en América’”, dixo o presidente. Tamén trata de impulsar a cultura galega desde os máis pequenos ata a formación universitaria a través da Fundación Xosé Neira Vilas.

Manuel Sánchez Salorio é oftalmólogo. “Profesor adxunto de Oftalmoloxía con 26 anos e catedrático con 33, iniciou a popularmente coñecida como Escola Galega de Oftalmoloxía, da que saíron algúns dos oculistas máis prestixiosos de España”, explicou Feijóo. De profunda vocación humanista, Sánchez Salorio defendeu sempre unha medicina centrada no paciente. Hoxe segue exercendo, pois tal e como lembrou o presidente, “adoita asegurar nun ton cordial que é coma unha bicicleta: se para, cáese”. Dirixe o Instituto Galego de Oftalmoloxía e publica anualmente artigos de análise na prensa galega.

O piragüísta David Cal Figueroa “é un deses deportistas que fai que o nome de Galicia estea presente no máis alto dos podios”, reivindicou o xefe do Executivo galego. Este cangués, especialista en 500 e 1000 metros de piragua en augas tranquilas, foi tres veces subcampión do mundo e unha campión, en 2007. Ademais, as súas cinco medallas olímpicas, unha de ouro e catro de prata, convérteno deportista máis laureado do Olimpismo español. Este ano retirouse do deporte de alta competición e desde entón reside en Cangas do Morrazo.

A Sexta Provincia foi impulsada polo xornalista Enrique Beotas, “un excepcional galego nacido en Ávila” e finado hai dous anos no tráxico accidente ferroviario de Angrois. Foi xefe de prensa do expresidente Manuel Fraga, director de comunicación de empresas punteiras e, ademais, director de “La rebotica”, un dos máis destacados programas radiofónicos sobre saúde. “Beotas gozaba dunha grande virtude: sabía escoitar, gustáballe escoitar —recordou Feijóo—. Foi precisamente escoitando a máis de 300 galegos como naceu a súa imprescindible obra Galicia sexta provincia, que pasou da letra impresa a ser un ente case tanxible”. Pasou do papel a ser un encontro anual de galegos “por decisión propia, non por nacemento” e, de aí, a ser unha Asociación que ten como obxectivo manter viva a memoria de Beotas.

Fotografía: archivo GD/Xunta de Galicia
R.