Skip to main content

Ourense lidera un proyecto internacional de termalismo solidario con niños refugiados

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Diputación Provincial de Ourense:

A provincia de Ourense lidera unha iniciativa internacional de "termalismo solidario" en favor dos nenos refuxiados de Oriente Medio e Europa. Trátase do proxecto audiovisual "SMILEY WATER" (auga sorrinte) no que participarán nenos de 15 países "para amosar a súa solidariedade e facer unha chamada de apoio, sensibilización e colaboración a todo o mundo en defensa das persoas máis débiles, os nenos refuxiados, que están a padecer xunto coas súas familias esa enorme traxedia humanitaria", afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, diante de xornalistas de vinte países, que asistiron á presentación do proxecto, no marco da feira Internacional de Termalismo "Termatalia", en Ourense, mostra que colabora igualmente co proxecto.

A Deputación de Ourense apoia esta iniciativa solidaria, promovida polo Colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense e que conta coa colaboración da Cruz Vermella, e coa que se pretende "levar a través da música e a cooperación entre institucións, empresas e cidadáns unha mensaxe de ilusión e esperanza aos nenos refuxiados e ás súas familias", explicou Alejandro Abad, autor da canción "Smiley water", banda sonora deste proxecto solidario. O cantautor cederá gratuitamente os dereitos da composición musical para que poida ser distribuída e descargada nas redes sociais. Desta maneira, os beneficios que xeren as descargas e o visionado do vídeo-clip destinaranse, a través da Cruz Vermella, aos nenos refuxiados dos países de Oriente Medio e Europa.

Alejandro Abad dixo sentir "unha enorme satisfacción, acompañada dunha grande responsabilidade, polo que supón poñer música a un compromiso solidario tan potente que nace da provincia de Ourense, percorre o mundo e vai directamente onde máis se necesita: ao corazón das nenas e nenos refuxiados, que están a padecer o éxodo máis dramático de Europa". "Por elo –adiantou o cantante- será unha canción que emocione e que amose o espírito solidario que os nenos do mundo queren transmitir, contaxiando alegría, ilusión e esperanza".

"SMILEY WATER" é un proxecto internacional de termalismo solidario que nace en Ourense da man do Colexio Padre Feijoo-Zorelle, co apoio da Deputación de Ourense e a colaboración de Cruz Vermella e de balnearios de 15 países. Consiste na gravación dunha canción e dun vídeo-clip que terá como escenario diferente localizacións da provincia de Ourense e os balnearios de Laias, Arnoia, Lobios, O Carballiño, Baños de Molgas, Cortegada e Berán, aos que se unen establecementos termais de México, Arxentina, Estados Unidos, Uruguai, Chile, Costa Rica, Brasil, Francia, Turquía, Ecuador, Colombia, Venezuela, Portugal e Alemaña.. Neles, nenos de todos estes países participarán "lanzando ao aire gotas de auga termal que simbolizan a harmonía da vida e a pureza da amizade; un canto que ferve de solidariedade e que todos temos a obriga de apoiar, porque non hai mellor labor que aquela que ten como finalidade axudar aos nenos, e esta iniciativa do Colexio Padre Feijoo-Zorelle é un magnífico exemplo de solidariedade internacional de Ourense para o mundo, expresou Manuel Baltar".

O director do centro educativo impulsor do proxecto, Honorato Losada Zorelle, dixo sentir unha grande ledicia "pola excelente acollida internacional que está a ter a iniciativa, tanto por parte das institucións públicas como por empresas privadas", e agradeceu á Deputación de Ourense e ao seu presidente, Manuel Baltar, "a total colaboración amosada desde o primeiro instante no que convidamos ao goberno provincial a participar neste proxecto". Tamén agradeceu a implicación de Cruz Vermella Ourense, na persoa do seu presidente, Felipe Ferreiro, "por ofrecerse a canalizar toda a axuda económica que se consiga para os nenos refuxiados", e tivo palabras de "fondo agradecemento" para todos os balnearios dos 15 países participantes, e para Termatalia, sinaladamente para a Alejandro Rubín, xerente de Expourense, "polas xestións realizadas, que permitiron en tempo récord acadar o apoio internacional que estamos tendo".

Felipe Ferreiro, presidente provincial de Cruz Vermella Ourense, expresou a alegría "que supón para unha organización como Cruz Vermella formar parte dun proxecto tan fermoso e con tan fondo calado humanitario, o cal adquire ademais maior relevancia por tratarse dunha acción solidaria protagonizada por nenos e dirixida a nenos, para tentar axudar nunha traxedia que, por desgraza, está de plena actualidade e necesita da colaboración de todos, institucións, empresas e persoas".

Neste sentido, o presidente provincia da Cruz Vermella informou de que a ONG ven de habilitar unha conta bancaria na que as persoas e entidades interesadas en colaborar con esta acción solidaria poden facer as súas achegas. Isto, unido á difusión internacional do vídeo-clip, ao prestixio da figura mediática de Alejandro Abad, e ao traballo de sensibilización que se fará por medio das redes sociais difundindo gratuitamente este produto audiovisual, "permitirá que todo o mundo teña presente o drama dos nenos refuxiados para conseguir unha maior sensibilización de gobernantes e de toda a sociedade co fin de acadar máis cedo que tarde unha solución que devolva o sorriso, a esperanza e unha vida digna aos nenos refuxiados e ás súas familias", expresou Manuel Baltar.

Todos os balnearios lucirán o distintivo "SMILEY WATER" que lles outorga o recoñecemento de haber participado neste proxecto solidario, iniciativa que, segundo adiantou o presidente da Deputación de Ourense "queremos que teña continuidade con outros proxectos de "Termalismo solidario" nos que convidaremos a participar a todo o ámbito do termalismo dende Ourense, a principal provincia termal de España e un dos territorios máis importantes do mundo neste eido".

Para a promoción en Internet do proxecto "Smiley Water" o Colexio Padre Feijoo-Zorelle ven de habilitar un espazo web: www.smileywaterblogspot.com no que se irá dando conta dos avances da iniciativa: gravación da canción e do vídeo-clip; establecementos termais participantes, e de toda a información que os protagonistas desta aventura solidaria vaian xerando nas próximas semanas ata a presentación do vídeo-clip, que terá lugar o vindeiro mes de novembro en Ourense.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou que México está consolidado como un aliado clave para o tecido empresarial galego, como demostra o feito de que as exportacións galegas a ese país medraran nun 40% durante os tres últimos anos.

Durante a súa participación na presentación de Termatalia México 2016, que contou coa presenza do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, e de diferentes autoridades mexicanas encabezadas polo subsecretario de Turismo de Coahuila, Aguilera salientou que arredor de 430 empresas galegas exportaron durante o pasado ano a México, un mercado prioritario para Galicia.

A Xunta está a desenvolver a Estratexia de Internacionalización da empresa galega 2020, con obxectivos como incrementar nun 25% tanto as exportacións, como o número de empresas exportadoras ou a captación de investimentos estranxeiros. No desenvolvemento desta estratexia, México ocupa un lugar prioritario, tanto polo seu propio potencial como pola súa situación estratéxica como plataforma cara a mercados como Estados Unidos ou Centroamérica.

Termatalia, que cumpre este ano o seu décimo aniversario como feira internacional, constitúe xa unha cita de referencia mundial para o turismo de saúde en xeral e o termalismo en particular, salientou Aguilera, do mesmo xeito que Expourense e tamén un referente dos recintos feirais galegos, como instrumento potenciador dos sectores económicos estratéxicos para a provincia.

O director do Igape amosouse convencido de que a celebración de Termatalia en México permitirá, o ano próximo, seguir avanzando na aposta pola dinamización económica e pola internacionalización das empresas, tanto de Ourense como de Galicia, abrindo novas oportunidades de negocio e alianza a ambos lados do Atlántico.

A Consellería de Economía e Industria está tamén presente en Termatalia a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, que conta neste encontro cun stand con pezas téxtiles e complementos de moda de tres obradoiros artesáns pertencentes á Asociación de Artesáns de Ourense: Logaro, Alpacas As Bolboretas e A. Outeiriño, que teñen á venda os seus produtos e amosan ao público diferentes técnicas e demostracións do seu traballo.

Esta iniciativa enmárcase na aposta pola comercialización e promoción do produto artesán galego a través da marca Artesanía de Galicia nos diferentes mercados, unha das liñas estratéxicas do Plan de Artesanía de Galicia.

- Fotografía 1: Gabinete de Comunicación de la Diputación Provincial de Ourense
- Fotografía 2: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.