Notas
-
A rede interdisciplinaria NOR-WATER acaba de ver a luz para constituír un foro de colaboración público-privado sobre contaminantes emerxentes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O obxectivo é que esta iniciativa permita o intercambio de coñecementos, a identificación de necesidades e prioridades, e avanzar nas capacidades de detección, control e mitigación deste tipo de contaminantes e do seu impacto nos ecosistemas e na saúde pública.
-
A pesar de que as mulleres representan a metade da sociedade e dos avances en igualdade acadados, na actualidade arredor de tres de cada catro postos de control de xestión están ocupados por homes e só un por mulleres. Tendo en conta esta cifra, o pasado ano púxose en marcha desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense a xornada Control de xestión desde unha perspectiva de xénero.
-
Volve o Ciclo POETAS DI(N)VERSOS e faino con toda a forza e tamén todas as medidas de seguridade sanitaria. Regresan así as citas abertas e públicas co mellor da poesía de Galicia e de fóra dela, sobre o escenario do Ágora, sempre en día luns e horario das 20:30h da tarde. O programa de poesía do Concello da Coruña –fundado e dirixido pola tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño– acada así un doceavo ano consecutivo que dará comezo este luns.
-
A exposición Do lucense Fraguas ao lucense Carballo Calero abre hoxe a semana cultural que o colectivo Egeria e a Xunta de Galicia dedican en Lugo ao autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Compleméntase cunha exposición na Biblioteca Pública Provincial e a presentación, o xoves, dun libro con lembranzas do paso do escritor polo colexio de Fingoi, todo elo baixo o paraugas do proxecto Don Ricardo de Fingoi, que vén desenvolvendo ao longo deste ano a asociación cultural.
-
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Amtega poñen en marcha a actividade “Encontros con Profesionais TIC”, unha serie de xornadas online entre rapaces e rapazas e profesionais TIC, no marco do convenio de colaboración asinado entre ambas entidades e enmarcado na Axenda Dixital de Galicia 2020.
-
Vense de constituír o Foro de Reactivación do Deporte Galego como espazo de deliberación, análise e proposta de actuacións para o sector deportivo de Galicia no contexto posterior á crise sanitaria do COVID-19. O obxectivo do foro será a análise das medidas de actuación que, desde os distintos ámbitos materiais afectados, poidan formularse para establecer un marco de recuperación sostible do sector deportivo galego.
-
O 43% da man de obra agrícola mundial son mulleres; as mulleres rurais, unha cuarta parte da poboación mundial, traballan como agricultoras, asalariadas e empresarias. A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias ten como unha das súas metas a consecución da igualdade de xénero no contorno cooperativo do sector agroalimentario e un paso adiante neste senso supúxoo o nacemento, o pasado ano, de Nós, As Mulleres.
-
Baixo o lema Empresas e persoas dixitais e conectadas deu comezo en Santiago unha nova edición de GaliciaTIC, o foro de referencia para o sector tecnolóxico galego, que cumpre 18 anos e presenta un novo formato que combina os ámbitos presencial e online para cinguirse, deste xeito, ao contexto actual marcado pola incidencia da Covid-19.
-
Presentouse na Cidade da Cultura a campaña de promoción do enoturismo no turismo de proximidade coa que dar a coñecer as experiencias turísticas vinculadas ás Rutas do Viño. No acto presentouse ademais unha plataforma de comercialización desde a que se ofertarán de forma telemática as reservas para participar nestas experiencias. Ambas iniciativas forman parte do convenio entre a Xunta e as Asociacións das Rutas do Viño, que se enmarca no programa Galicia Destino Seguro.
-
O Festival de Teatro Galego-FETEGA Celso Parada desenvolverá no Carballiño do 23 ao 26 de setembro a súa 31ª edición cunha carteleira dedicada integramente á escena do país, con espectáculos de sala, animación de rúa e unha Escola do Espectador como principal novidade das súas actividades paralelas. Os organizadores do certame, que incorpora a Carlos Ledo como director, presentaron en Ourense toda a programación, nun acto no que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- …
- seguinte ›
- última »