Notas
-
O III Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal xa ten gañadores. O xurado, reunido onte pola tarde de forma telemática, premiou nove pequenas grandes historias que en conxunto suman 1.025 palabras. Cristina Fernández Mangana, natural de Ourense, Nee Barros Fernández, de Marín, e Christian Cabaleiro Otero, de Redondela, fixéronse cos primeiros premios nas modalidades de adulto, xuvenil e infantil, respectivamente.
-
Co gallo da dedicación do Día das Letras 2020 a Ricardo Carballo Calero, o Colectivo lucense Egeria promoveu unha serie de actividades co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio Fingoi, para estudar e espallar os QUINCE ANOS EN LUGO do profesor e escritor. Co título xenérico de 'CARBALLO CALERO EN LUGO. Don Ricardo de Fingoi', desenvólvense diversas accións, que nestes días culminan coa publicación dun libro dixital.
-
A Xunta colabora coas farmacias galegas coa posta en marcha da campaña Mascarilla-19 para as vítimas da violencia de xénero, pola cal unha muller pode solicitar axuda cando acuda a unha das 1.345 farmacias que se atopan en Galicia. O obxectivo é darlle ás posibles vítimas da violencia de xénero unha canle máis de saída a situacións violentas no fogar agravadas pola etapa de encerro, na que a muller e membros da familia conviven máis estreitamente co seu agresor e non teñen outra forma de pedir axuda.
-
Un cento de empresas galegas ofrece material de protección fronte ao coronavirus no Marketplace, plataforma online que se enmarca dentro do Comité de fabricación impulsado pola Xunta para xestionar a oferta e a demanda de subministración de equipamentos. Por outra banda, a Administración autonómica realiza hoxe o reparto do segundo envío de máscaras a pemes e autónomos para chegar así aos dous millóns repartidos, en colaboración con preto de 50 asociacións empresariais, clústers e outras entidades.
-
A iniciativa Adestra #NaCasa ofrece un espazo no que as federacións deportivas de Galicia amosan o seu traballo cos deportistas no período de confinamento. Deste xeito configúrase un repositorio de arquivos, documentos, ligazóns e material de diversa índole orientado ao adestramento na casa en tempos de confinamento. O obxecto deste espazo é axudar a todos os deportistas galegos neste período.
-
A Federación Galega de Municipios e Provincias inicia o reparto de equipos de protección entre os concellos galegos en colaboración coa Xunta . Así o anunciou hoxe o vicepresidente da Xunta tras unha videoconferencia cos delegados territoriais para coordinar a acción da Administración autonómica ante a epidemia. A medida, acordada en conversas coa Fegamp, vai destinada, principalmente, aos concellos máis pequenos que necesitan eses medios e non teñen outra forma de adquirilos.
-
Tres candidaturas concorren ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, na súa décimo sexta edición: a actual correspondente de Televisión Española en Asia-Pacífico, Mavi Doñate; o recentemente cesado como director da Axencia Efe, Fernando Garea; e Lorenzo Milá, correspondente tamén de Televisión Española, neste caso en Roma.
-
O Director da MIT, Roberto Pascual, recolleu da man da ADE (Asociación de Directores de Escena de España) este recoñecemento que o colectivo concedeu ao festival galego por ser un exemplo de calidade artística e de xestión no ámbito das artes escénicas a nivel nacional e internacional. A MIT quere agradecer este recoñecemento, que reforza ademais a imaxe positiva do conxunto de todas as artes escénicas galegas, nun momento de especiais dificultades para a Cultura en Galicia.
-
Entre os días 17 e 20 de febreiro celebrarase a segunda edición de Tempo da Psicoloxía, un proxecto organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e que se desenvolverá na capital compostelá. Ao longo destes catro días, a sociedade dixital será obxecto de reflexión desde o enfoque da psicoloxía na súa interacción con diversos axentes sociais.
-
Foi inaugurada na igrexa de Santa María A Real do Cebreiro a mostra itinerante 'O FIN DO CAMIÑO”', organizada polo Colectivo Egeria, e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa “O teu Xacobeo”. Deste xeito, o proxecto chega ao final da súa primeira fase, na que a exposición percorreu o Camiño Francés en sentido inverso, desde Santiago de Compostela ata O Cebreiro. Están previstos novos desprazamentos nos vindeiros meses polo resto de Camiños, dentro e fóra de Galicia.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- 18
- …
- seguinte ›
- última »