Notas
-
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle durante toda esta semana o II Maratón Internacional de Creación de Curtametraxes sobre o Camiño de Santiago. Trátase dunha actividade impulsada pola asociación Kino Galicia , á que asisisten, entre outros, o director e guionista Alber Ponte, a actriz Ana Arias (Cuéntame), a maquilladora Carmen Porto (Vivir sin permiso, Libro de Familia) ou o director e actor Evaristo Calvo (Mofa e Befa), entre outros.
-
Mes a mes dende outubro ata xuño, continúan no Centro Ágora da Coruña as citas mensuais co mellor da poesía de Galicia e do resto do mundo que propón o Ciclo POETAS DI(N)VERSOS. E este vindeiro luns 10 reunirán a partir das 20:30h dúas voces poéticas que atravesan un dos mellores momentos das súas carreiras. Mentes inquedas e plumas ben recoñecidas das letras arxentina e galega, estamos a falar de Hugo Mújica e de Tamara Andrés.
-
A Mesa pola Normalización Lingüística e o Grupo de Normalización do estudantado de Medicina presentáronlle a campaña Falar galego é saudábel ao Presidente do Parlamento, Miguel Santalices, como representante da primeira institución de Galiza, médico de profesión e persoa comprometida coa saúde en galego. A campaña Falar galego é saudábel xurde co obxectivo de que a lingua galega se desenvolva con normalidade como lingua de relación entre persoal e doentes.
-
A Real Filharmonía de Galicia xunto ao Cuarteto Quiroga serán os responsables de dar comezo a unha nova Tempada de Música Clasica de Afundación, a Obra Social de ABANCA, xunto á Sociedad Filarmónica de Vigo. Ofrecerán un concerto o vindeiro 14 de febreiro, ás 20.00 h, no Teatro Afundación de Vigo. Baixo a batuta de Paul Daniel interpretarán Masquerade, de Anna Clyne, Absolute Jest, de John Adams, e a Sinfonía nº 2 en re maior de L.V. Beethoven.
-
O IES David Buján de Cambre inaugura a quinta edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para impartir obradoiros de xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia. O centro de ensino cambrés acollerá tres talleres, o primeiro deles o luns 3 e os dous restantes o venres 7.
-
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol abren a convocatoria da décimo sexta edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. O premio, que leva o nome do cámara ferrolán asasinado en Bagdad no 2003, ten o obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.
-
A Asociación Cultural Cultura do País presenta, xunto con Através Editora e a librería Trama, a “Antología de poesía de Carvalho Calero”, coa presenza do editor Paulo Fernández Mirás e da escritora lucense Carmen Blanco, responsábel do prólogo. O acto terá lugar o vindeiro sábado 1 de febrero as 12.30 horas na librería Trama, e consistirá nunha conversa con ambos escritores ao redor da figura a quen se lle dedica o vindeiro dia das Letras Galegas, o escritor Carvalho Calero.
-
O II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual concede o seu premio ao escritor e docente Fernando Castro Paredes coa obra Ofelia ou o cabeiro da cóbrega. O xurado, conformado pola directora teatral e programadora da sala Ingrávida Irene Moreira; a dramaturga e directora da Erregueté, Vanesa Sotelo e o director teatral César No; salienta “o coidado uso da lingua galega e o artellamento dunha sólida carpintaría dramatúrxica neste novo achegamento ao mito de Hamlet desde a personaxe de Ofelia”.
-
A escritora Carmen Blanco, profesora de Literatura Galega na Facultade de Humanidades da USC, vén de publicar a súa obra Letras lilas no número 24 de Unión libre. Cadernos de vida e culturas. Letras lilas reúne numerosos ensaios sobre escritoras galegas, como Rosalía de Castro, Pura e Dora Vázquez, María Mariño, Luz Pozo Garza ou Xohana Torres, ás veces en relación con outros escritores, como Juan de la Cruz, Virginia Woolf, Ricardo Carballo Calero, Eugenio Granell ou José Ángel Valente.
-
A compañía Ibuprofeno Teatro estrea a súa última montaxe 'O mel non caduca' no Teatro Principal de Compostela. Marián Bañobre e Avelino González son os protagonistas desta traxicomedia escrita e dirixida por Santiago Cortegoso que poderemos ver o 31 de xaneiro e o 1 de febreiro. 'O mel non caduca' é un espectáculo arredor da obsolescencia programada, da relación do ser humano cos obxectos e da degradación do planeta por mor da perversa lóxica capitalista.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- 18
- 19
- …
- seguinte ›
- última »